Esta xornada o noso sénior recibía ao Arnoia en A Senra. Co obxectivo de acadar unha nova vitoria como local, despois da derrota no último encontro desputado na casa, os nosos tiñan enfronte a un dos rivais máis fortes da categoría, que a tempada pasada desputou a 3 RFEF. Ao mando do equipo do Ribeiro, como adestrador, un antigo coñecido da parroquia ribadumiense: Adrián Padrón, formidable central que, na súa carreira, chegou a vestir a camisola do CD Ribadumia un ano en terceira división, deixando moi bo recordo.
No relativo ao encontro, Bati tivo que facer fronte novamente a unha serie de baixas de relevancia, coma as de Roberto Pazos, Eloy, Facu, Cerqueiras e Pabulo. Ao respecto da semana pasada, o técnico francés decidiu manter o bloque, agás pola entrada de Roberto Diz por Dieguito, dándolle descanso ao extremo de Vilaxoán.
Así, a portería foi para Óscar Portas, quen viña dun moi bo encontro en Barbadás. Na defensa, Adri Gómez e Álex Lima nos laterais, e Miguel, heroe do partido, e Martín, centrais. No mediocampo, Cheri, Gus, Durán e Iago Portas, con Roberto Diz e Nando na punta de ataque.
A primeira parte foi desputada, cun ritmo algo máis baixo que os anteriores encontros, e por momentos ao Ribadumia custoulle entrar en xogo. Ao comezo do partido o Arnoia conseguía adiantarse, o que espoleou aos nosos. Pasada a media hora de xogo, chegou a tolemia a A Senra. Primeiro, Roberto Diz acadaba o seu primeiro tanto do ano, despois de moitos encontros merecéndoo. O atacante abre así a conta do rexistro goleador na súa terceira etapa con nós (esperemos que o primeiro de moitos). Non obstante, o Arnoia volvía adiantarse pouco despois, de modo que a vitoria parcial visitante parecía decidida ao descanso. Pero Miguel, o capitán, acadaba o empate a piques de rematar a primeira metade.
Miguel (capitán) celebra con Roberto Diz (19) o gol deste, con Gus ao fondo.
No descanso, Bati buscou cambiar o encontro, e Pei e Coco reforzaron os laterais, reemprazando a Adri e Lima. Despois, Brais e Dieguito facían o propio, ao entrar por Gus e Nando. Desgraciadamente, o troco non estivo acompañado de sorte, e o Arnoia conseguiu adiantarse novamente no marcador, por mediación de Samuel.
Coco, nunha intervención na segunda metade. O canteirán va incrementando a súa presencia no equipo, con máis minutos.
Co paso do tempo, e o resultado en contra, os nosos volcáronse e atacaron a portería visitante de todas as maneiras posibles, se ben sen sorte. Como resultado, varios cartóns amarelos aos nosos, e o tempo case rematado. Aí emerxeu de novo a figura do capitán, Miguel. No tempo engadido, coma na primeira parte, o de Padrón foi quen de salvar un punto para os nosos. Aínda houbo tempo de ter unha xogada polémica, cun penalti sobre Roberto Diz que os nosos reclamaron con vehemencia, pero que non foi considerado como tal polo colexiado do encontro.
Miguel conduce o balón no encontro desta xornada.
Con este resultado, os nosos mantéñense no grupo de cabeza, en 4ª posición e a só dous do liderado, nunha liga moi igualada. Para a semana, visitamos o difícil campo do CD Pontellas, co obxectivo de mirar cara arriba.
Imos Riber!
Commentaires