Volvían os nosos a xogar en A Senra buscando enlazar unha segunda vitoria como local que disparase a confianza do equipo e, de xeito simultáneo, permitise que o conxunto de Bati se achegase ás posicións de honra da Preferente Sur galega.
Con moitas baixas, desde a portería, con Roberto Pazos mancado, ata a dianteira, sen Nando un día máis, nin tampouco Iago Portas, Miguel, Eloy ou Pabulo. Aínda así, co ánimo elevado despois de conseguir unha boa vitoria fronte ao Porriño Industrial a semana pasada, Bati sacou un once moi completo. Con Pachi unha vez máis en portería, acompañado en defensa por Chata, que voltaba á titularidade, Adri Gómez, Martín e Pei. No mediocampo, un trío moi empregado no pasado curso: Cheri, Álex Durán e Gus. Arriba, velocidade e frescura con Diego Iglesias, Iván Caride e Manu Sánchez.
A primeria media hora supuxo unha posta en escea notable dos nosos, co control absoluto do balón e moita paciencia mentres buscaban ocos na defensa en bloque do Areas. Gus aproveitou un saque de banda en ataque para gañar case liña de fondo e sacar un centro que non atopou rematador aos dez minutos. Antes do primeiro cuarto de hora, unha boa apertura de Diego Iglesias permitiu que Chata gañase a banda esquerda e sacase un novo centro, mais sen rematador. Serían varias as xogadas desta índole na primeira metade, con perigo constante pero sen atopar unha finalización clara por momentos.
Co paso do tempo, o Areas desperezouse e buscou unha serie de contras perigosas. A primeira, salvada por Pei, cometendo falta. A seguinte, doble nos pés de Vila, solventada por Pachi en primeira instancia e rematada fóra polo dianteiro visitante despois. Entre medias, Álex Durán case sorprende ao Sergio cun tiro dende mediocampo e Cheri a piques estivo de anotar na máis clara dos primeiros corenta e cinco minutos, despois dun centro xenial de Adrián Gómez que rematou alto na área pequena.
Co ritmo máis acelerado e menos control do esférico, e cun Areas perigoso nas transicións, chegou o tempo de descanso. Ao pouco de comezar a segunda metade tivo que retirarse por molestias Manu Sánchez, tras trabar o pé ao intentar adiantarse ao porteiro do Areas, dando entrada a Álex Lima. Un tiro de Diego Iglesias desde fóra da área e unha diagonal dos visitantes nos pés de Lucas foron as máis claras do comezo da segunda metade, antes de que Pachi salvase de xeito xenial cos pés unha contra visitante. Moi seguro o porteiro en todas as súas intervencións no día de onte.
Co equipo algo fatigado, Bati deu entrada a Brais e a Buga para renovar o mediocampo, deixando a zona de ataque a cargo de Diego Iglesias e Iván Caride. Este último sumou a súa segunda titularidade consecutiva e mostrouse moi activo en todo momento, mentres que Diego a piques estivo de converter o gol da vitoria nun remate de cabeza no que lle gañou a posición ao ex-aurinegro Carlos Pérez. Nos últimos dez minutos as ocasións serían do Riber, en ambos casos a cargo de Buga. Primeiro, despois dunha gran falta botada por Brais e cabeceada en primeira instancia por Martín, que o de Vilagarcía non puido converter na área pequena. Despois, no último remate do encontro, unha boa volea do mediocampista foi salvada de maneira solvente por Sergio, na acción que supuxo a fin do encontro.
O encontro foi patrocinado por Aquarei, servizos de serigrafía (www.aquarei.com), e por La tienda del obrero, tenda de vestiario laboral (www.latiendadelobrero.com), patrocinadores oficiais do CD Ribadumia 2023/2024.
Comentarios